Thursday 19 de September de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba a modificación do PXOM que permitirá construír 520 novas vivendas sociais no barrio de Xuxán


Tamén se aprobou definitivamente o Mapa estratéxico de ruído co obxectivo de avanzar en medidas para mellorar a calidade de vida na cidade

O Concello licitou investimentos por 10,7 millóns de euros para mellorar rúas e humanizar a rúa Sagrada Familia

Esta mañá o Palacio de María Pita acolleu unha nova Xunta de Goberno Local na que se aprobou, entre outros asuntos, unha modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal da Coruña, e conseguintemente a do plan parcial, no antigo Parque Ofimático e actual barrio de Xuxán.

En concreto, trátase de varias parcelas localizadas no ámbito SURT2 e propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo. A modificación correspóndese co cambio de uso das parcelas de terciario a residencial, o que permitirá construír 520 novas vivendas de protección oficial. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey impulsa a ampliación do parque de vivenda dispoñible na Coruña.
Novo edificio de 97 vivendas no Sector-7

Tamén en materia de vivenda, a Xunta de Goberno Local aprobou a licenza para a construción dun edificio de vivendas no Sector-7, concretamente na parcela P.II-3n. O edificio contará con 17 plantas nas que se localizarán 97 novas vivendas. Así mesmo, construirase un garaxe con catro plantas onde se localizarán os relativos rochos a cada unha das vivendas e 98 prazas de aparcamento. O prazo de execución é de 36 meses e suporá un investimento de 7.545.320,00 euros.
Aprobación definitiva do Mapa de ruído
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou definitivamente o novo Mapa estratéxico de ruído do Concello da Coruña, unha ferramenta de diagnose do impacto da contaminación acústica que provocan diariamente o tráfico rodado e ferroviario, así como o ruído derivado da actividade industrial.
Logo do período de exposición publica e alegacións, a Xunta de Goberno Local aproba definitivamente o Mapa de ruído que servirá para seguir tomando medidas para reducir o ruído co obxectivo de que a cidade siga a gañar calidade de vida. Xa na presentación do mapa, Inés Rey explicou que A Coruña reduciu un 12% o tráfico rodado no interior do termo municipal entre o 2016 e o 2023, logo dos estudos realizados.

Demolición do esqueleto do Martinete

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación definitiva das obras de demolición do esqueleto urbanístico existente no barrio do Martinete á empresa Hércules Diggers S.L. O esqueleto ocupa un soar dunha superficie de máis de 1.100 metros cadrados e co paso dos anos foi converténdose nun foco de insalubridade e maleza, entrañando tamén un risco para a seguridade das persoas pola súa progresiva deterioración. Dado que a propiedade non atendeu os requirimentos do Concello, e tras avaliar o estado do edificio, o Goberno municipal optou por recorrer á vía da execución subsidiaria de cara á súa demolición total.

A actuación conta cun investimento de máis de 773.000 euros e un prazo de catro meses para a súa execución polo que se completarán, previsiblemente, no primeiro trimestre de 2025. Así, o Goberno de Inés Rey avanza na mellora do barrio do Martinete e a súa contorna, onde tamén se están a levar a cabo outras actuacións como a primeira fase de reurbanización da rúa Manuel Ferrol, arredor do residencial do Birloque.

Licenzas para a mellora de equipamentos deportivos e educativos

O Goberno local concedeulle á Administración autonómica esta mañá tres licenzas para acometer obras de mellora en diferentes equipamentos deportivos e educativos na cidade. En materia deportiva, concedéuselle licenza para remodelar o Centro Deportivo de Elviña co obxectivo de actualizar as instalacións e reparar os seus danos, froito da falta de mantemento das instalacións. Unha das actuacións será a substitución da cuberta, moi demandada polos clubs da cidade. O orzamento previsto é de 1.955.111,78 euros e o prazo de execución de 24 meses.

Tamén se concedeu a licenza para executar as obras de reparación de deficiencias no Complexo Deportivo da Sardiñeira para facerlle fronte á deterioración e mal estado de diversos elementos estruturais das instalacións. Conta cun orzamento de 302.993,58 euros e seis meses de prazo de execución.

Igualmente, concedeuse a licenza para a rehabilitación do edificio do IES Rafael Dieste. A actuación conta cun orzamento de 1.205.732,80 euros que permitirá substituír a cuberta existente, evitando a entrada de auga ao interior do centro, así como a mellora da eficiencia enerxética do centro con diversas actuacións na envolvente, carpintarías e iluminación. O prazo para iniciar a obra será de 6 meses dende a notificación da licenza e un prazo de execución de 18 meses.

10,7 millóns de euros para mellora de rúas e humanización da Sagrada Familia

Tal e como informara a alcaldesa, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación de diversos contratos por 10,7 millóns de euros para duplicar a mellora de espazos públicos da cidade.
O groso dos investimentos correspóndese cos contratos de mantemento de calzada e beirarrúas, no que o Concello aumentou o investimento total en catro millóns de euros, que pasou de seis a dez millóns de euros. O incremento correspóndese cun millón en cada un dos lotes de mantemento de beirarrúas, que pasa de 2 a 3 millóns por lote e de 4 a 6 no total; e de dous millóns no contrato de mantemento de calzadas, que pasa de 2 millóns a 4 de investimento.

Así mesmo, o Goberno de Inés Rey licitou a humanización da rúa Sagrada Familia no tramo correspondente entre a rúa San Jaime e Nosa Señora da Luz, onde se mellorarán arredor de 1.640 metros cadrados con plataforma única e prioridade peonil. Conta cun orzamento de case 700.000 euros e permitirá dotar de novos espazos e pequenas zonas verdes o barrio da Sagrada Familia.

Deja un comentario